Post on 02-Mar-2021
transcript
PROGRAMACIÓN
DE AULA
TITORA: Raquel Ferreiro Mareque
Pazo Infantil
Curso 2020-2021
A continuación figuran os apartados da miña programación para o vixente curso 2020-
2021 que modifiquei co fin de adaptala e axustala ao establecido no protocolo Covid 19.
7. O GRUPO-CLASE
• COMPOSICIÓN DO GRUPO
O grupo de Pazo Infantil está integrado por 14 nenos e nenas que comprenden os
niveis de 4º e 5º e 6º de Educación Infantil. Como peculiaridade deste curso, e adaptándonos
así ao establecido no Protocolo COVID, na aula formáronse grupos de traballo cooperativo
estables, de tal xeito que se reduzan as interaccións físicas entre grupos. En concreto hai 4
grupos de traballo cooperativos estables, dos cales dous grupos están conformados cada
un deles por 4 nenos/as, e os outros dous grupos por un total de 3 nenos/as cada grupo.
Por outra parte, é preciso destacar tamén que debido a que na aula de Educación
Primaria para o presente curso había unha matrícula de só 3 nenos/as, en determinadas
sesións ao longo da semana os nenos/as de 6º de Educación Infantil intégranse na aula de
primaria para propiciar unha maior socialización entre eles/as, tendo en conta o reducido nº
de alumnos/as de primaria, e deste xeito aproveitase tamén para levar a cabo actividades
de forma conxunta, pois esta circunstancia permite ofrecer unha atención educativa máis
individualizada e traballar e reforzar de forma máis detida entre outras cousas os procesos
de lecto-escritura e de lóxico-matemática, nos cales os nenos/as de Educación Infantil se
están a iniciar.
Así pois a miña aula conta co seguinte alumnado:
– 4º EI: 2 nenos/as (1 neno e 1 nena)
– 5º EI: 5 nenos/as (3 nenos e 2 nenas)
– 6º EI: 7 nenos/as (1 neno e 6 nenas).
Os nenos e nenas de 5º e de 6º de EI estiveron escolarizados/as nesta escola o curso
pasado. Do grupo de 3 anos, só o neno estivo escolarizado con anterioridade na etapa de
Educación Infantil de 0-3 anos.
Por outra parte, cabe mencionar que tres nenas asisten a Relixión Católica mentres
que os 11 nenos/as restantes asisten a Atención Educativa.
Todo o alumnado conta ademais con autorización para as saídas complementarias que
se organizan dende o centro, así como coas autorizacións de imaxe e voz para as
publicacións que se fagan tanto na Revista do Centro como no Portal Educativo,
http://www.edu.xunta.es/centros/crarianxo/, así como tamén para compartir fotos e vídeos a
través do grupo de WhatsApp das familias.
• CARACTERÍSTICAS EVOLUTIVAS DOS NENOS/AS DE 3 a 6 ANOS
Atendendo á súa idade, cabe destacar que estes nenos/as presentan unha serie de
características comúns que será preciso coñecer posto que estas van a condicionar a
elección, distribución e organización dos distintos elementos curriculares.
A NIVEL PSICOEVOLUTIVO:
A celeridade dos avances deste ciclo, que se manifestan tanto a nivel cognitivo como
físico, comunicativo, de destrezas e habilidades, de socialización e afectividade.
Segundo Piaget atópanse no período preoperacional, no que acadan os primeiros
preconceptos, e que está caracterizado por unha serie de aspectos como por
exemplo: a irreversibilidade, centración, egocentrismo, trasducción e sincretismo
entre outros.
A necesidade de poder experimentar o que ten que aprender, implica para o neno/a,
a necesidade de que a realidade estea próxima, pois esta experimentación é a base
dos seus esquemas mentais e da percepción unitaria e global da realidade.
Desde o punto de vista da aprendizaxe, o pensamento do neno/a é sincrético, é dicir,
capta primeiro o conxunto, para poder acceder ás partes. O sincretismo do
pensamento infantil obriga a respectar o enfoque globalizador de todas as propostas
de aprendizaxe.
Hai que facilitar experiencias ricas en posibilidades, encontros múltiples que lle
permitan manifestar toda clase de sentimentos, emocións, interese e motivacións e
na que o xogo é o instrumento privilexiado para o desenvolvemento de todas as
capacidades.
A NIVEL COGNITIVO:
O desenvolvemento sensorial é o primeiro grado de percepción para o
desenvolvemento da intelixencia.
Existe a necesidade de comunicación verbal e non verbal.
Existe unha necesidade de xogo simbólico no que o neno/a representa imaxes da
vida real.
A imitación é un proceso propio do desenvolvemento cognitivo destas idades.
O neno/a capta por totalidades as imaxes, ás que lle atribúe un significado correcto
ou non dunha parcela da realidade polo que a súa aprendizaxe debe ser o máis
significativa posible.
A súa capacidade intelectual vese reforzada por unha maior atención e memorización,
aínda que segue existindo dificultades para descentrarse do seu punto de vista e
adoptar o dos demais.
No terreo da linguaxe danse procesos moi importantes pasando a ser un instrumento
de planificación e regulación da propia conducta, converténdose cada vez máis nunha
ferramenta de comunicación e de regulación do propio comportamento.
En definitiva, o neno/a presenta nestas idades, unha ininterrompida serie de sucesos
madurativos que lle van a servir de base no proceso construtivo do seu
desenvolvemento individual.
A NIVEL MOTOR:
Establécese unha maior coordinación dos movementos do seu corpo, o que lle
permite unha maior destreza tanto nos xestos como nos movementos.
O desenvolvemento da motricidade fina permitiralle maior precisión na utilización de
instrumentos e na realización de trazos.
Os progresos paulatinos a nivel motor permítelles unha maior autonomía persoal
(abotoarse, vestirse,...)
O progreso na percepción do seu corpo e na construción do seu esquema corporal
lévaos a sentir os eixes corporais e a organizarse tomándoos como referencia.
A partir dese coñecemento corporal estruturaranse nas coordenadas espazo-
temporais.
A NIVEL AFECTIVO-SOCIAL
O neno/a sente necesidade de colaboración, autovaloración e de protagonismo.
Ten necesidade de relación con outros iguais e dos adultos.
O seu carácter infantil inestable maniféstase nas condutas.
É afable coas persoas que coñece e nas que confía.
Responde positivamente ás manifestacións cariñosas que se lle propician.
Cobra importancia o recoñecemento como ser categorial e existencial así como que
se acepta tal e como é.
8. PLAN DE ADAPTACIÓN Á SITUACIÓN COVID 19 NO CURSO 2020-2021
O presente curso, debido á situación de pandemia que estamos a vivir como
consecuencia do COVID 19, implica afrontar unha serie de retos para poder garantir unha
volta ás aulas o máis segura e estable posible, así como seguir en todo momento as
recomendacións establecidas por parte das administracións educativas e sanitarias.
É por iso que dende o centro se elaborou un Plan de Adaptación ao contexto
COVID onde se recollen unha serie de medidas, que son de rigorosa aplicación.
Ditas medidas deben aparecer recollidas nas nosas programacións de aula, e ao
mesmo tempo implican tamén algunhas modificacións en ditas programacións.
❖ Medidas específicas para os grupos estables de convivencia
Entradas e saídas: cada escola conforma un grupo estable illado do resto do
centro. Isto facilita a organización de entradas e saídas. Inténtase que as
familias non entren nas escolas. Se teñen que acompañar ao alumnado, só se
permitirá un acompañante por neno/a de 4º de Educación Infantil ata a
entradilla, evitando en todo o momento a entrada na propia aula.
Nada máis entrar o alumnado procede a unha hixiene de mans exhaustiva con
xabón e auga ou con xel hidro alcohólico.
O alumnado de EI acode ao centro coa máscara posta, podendo quitala
despois na propia aula.
Tanto o alumnado como profesorado evitarán tocar os ollos, o nariz e a boca.
Durante a xornada lévanse a cabo varios lavados de mans, mínimo 5 con auga
e xabón que son meticulosos e durante polo menos 40 segundos.
Posteriormente sécanse as mans con panos desbotables que se tiran na
papeleira do aseo.
Ao tusir ou esbirrar, tapamos a boca e o nariz cun pano de papel que
desbotamos nunha papeleira de pedal, ou ben facémolo contra a flexura do
cóbado.
Na aula formáronse grupos de traballo cooperativo estables, de tal xeito que
se reduzan as interaccións físicas entre grupos. En concreto hai 4 grupos de
traballo cooperativos estables, dos cales dous grupos están conformados cada
un deles por 4 nenos/as, e os outros dous grupos por un total de 3 nenos/as
cada grupo.
Cada alumno/a ten o seu propio kit básico de material de traballo (estoxo con
obxectos de emprego máis común).
Cando é necesario empregar material común, este distribúese en gabetas ou
caixas para cada un dos grupos, tendo que ser desinfectado unha vez
finalizado o seu emprego.
Existen zonas ben diferenciadas para que o alumnado poida gardar o seu
material; cando este é gardado de xeito grupal, procedese á preceptiva
desinfección de mans antes de levalo a cabo.
Se é preciso que un alumno empregue o encerado, realizase unha desinfección
previa con xel hidro alcohólico do rotulador que emprega.
❖ Medidas específicas para alumnado de educación infantil
As idades do alumnado do noso centro son propicias para invitar á experimentación,
ao intercambio, ao contacto e á liberdade; que xustamente entran en conflito coas medidas
de seguridade para evitar contaxios. Non renunciar a esas características ao mesmo tempo
que intenta minimizar os riscos é algo complexo e que intentaremos facer deste xeito:
Asemblea: lévase a cabo na zona asignada, onde hai unhas marcas no chan
indicando onde se debe de sentar cada grupo colaborativo, mantendo entre
eles a distancia correspondente. Dentro desas rutinas habituais inclúese a
lembranza de normas de hixiene e a concienciación do alumnado coa
pandemia, actividades que se presentan como algo lúdico, así como a hixiene
correcta de mans.
Colocación do alumnado / agrupamentos: o alumnado está distribuído en 4
grupos colaborativos, como xa citei anteriormente. Ditos grupos son estables e
intentase reducir a interacción global entre grupos.
Recunchos: os grupos creados para a colocación na aula son os mesmos para
o xogo en recunchos. O material dos recunchos redúcese ao imprescindible e
foron eliminados aqueles obxectos susceptibles de levar á boca. Antes de ir
aos recunchos realizase unha limpeza de mans e unha vez finalizados repitese
esta acción.
Uso de baños: cada grupo estable conta co seu baño asignado.
Material: antes do comezo de curso facilitóuselle a listaxe co material propio
que debe ter o alumnado ás familias. Entre este material cabe destacar unha
funda para as máscaras con cordón, que permite colgarse, así como máscaras
de reposto. En canto ao material común, este colocase en gabetas exclusivas
para cada grupo. Por outra parte, os nenos/as tamén teñen materiais de uso
individual que está gardado en caixonciños co nome de cada alumno/a.
Aniversarios: para celebrar os aniversarios de xeito seguro, as tortas e
biscoitos que as familias traen, serán partidos en porcións individuais e
repartidos sen contacto físico, empregando pinzas. Por outra parte o alumno
homenaxeado evitará soprar as velas e se o fai será na súa porción e con
distancia con respecto aos seus compañeiros/as.
Merenda: no momento da merenda, cada equipo permanece nas súas mesas
separados/as para manter a distancia de seguridade frontal.
Actividades e xogos: os nosos patios permiten unha dispersión do alumnado e
que poidan evitarse aglomeracións. Por outra parte, a presenza da natureza
facilita o emprego da imaxinación para que os nenos/as xoguen e interactúen
co medio. Aínda así, tamén se propoñen outros xogos que permitan a diversión
sen contacto e con menos nivel de risco, como por exemplo: a mariola, a
comba...
❖ Medidas de concienciación: é labor da comunidade educativa axudar na
concienciación destas medidas de hixiene e protección no alumnado. Por iso dende
a aula contribuiremos a isto a través de dinámicas rutinarias, cancións, xogos… para
que os/as nenos/as vaian adquirindo e automatizando ditas medidas.
❖ Canles de información coas familias
Reforzaranse as vías de comunicación dixitais, polo que a web do colexio pasa
a ser o portal onde se colga toda a información de relevancia a nivel xeral.
Como sistema de mensaxería seguiremos empregando os utilizados ata o
momento, en concreto o grupo de whatsApp, e tamén a aplicación abalarmóbil,
dado que xa en anteriores momentos fixemos uso dela para facerlles chegar
avisos ás familias
Para as familias que non poidan ter a aplicación, empregarase unha vía
alternativa, que será o correo electrónico ou, en último lugar, a chamada
telefónica.
❖ Titorías coas familias
As titorías levaranse a cabo baixo tres modalidades:
Virtual (opción preferente) a través da plataforma que ofrece a consellería no
curso 2020-2021.
Telefónica.
Presencial: para aqueles casos nas que as anteriores opcións non sexan
posibles. Nesta modalidade, a reunión levarase a cabo na aula da titoría
correspondente, previa cita e garantindo a distancia social. Todos os asistentes
á titoría levarán máscara e farán a pertinente desinfección de mans. Cando
nalgunha destas reunións sexa necesario o visionado dalgunha proba escrita,
avisarase con anterioridade para poder facer copias da mesma e evitar a
manipulación conxunta. En calquera dos casos, será obrigatoria a cita previa.
❖ Medidas telemáticas de atención ao alumnado ante posibles confinamentos
É fundamental que tanto o alumnado como as familias adquiran unha boa
competencia dixital, pois no caso de posibles rebrotes a raíz do COVID-19
veriámonos obrigados a desenvolver unha ensinanza telemática. Así pois, xa dende
o comezo do curso iremos informando ás familias de que na páxina web do centro
se irán comunicando todas as novas con respecto á organización, actividades e
demais propostas ás que poderán acceder dende dito portal educativo. Como vía de
comunicación tamén faremos uso do WhatsApp así como da aplicación Abalarmóbil.
Por outra parte, de xeito paralelo ás cousas que programemos tanto os
titores/as como os especialistas, para traballar diariamente na aula de forma
presencial, na aula virtual, tamén se compartirán propostas de actividades e
recursos, para que no caso de que algún/algunha neno/a teña que permanecer
confinado/a na súa casa poida ter acceso a elas/eles para descargar ou visualizar,
e deste xeito poder seguir unha atención educativa o máis adaptada posible ao que
facemos na aula, aínda que sexa de forma telemática. Á vez, iremos mantendo o
contacto coa/coas familia/familias, de modo telefónico e a través de videochamadas
para que en todo momento o neno/a non se sinta illado/a do contexto educativo da
aula, e para velar tamén pola súa estabilidade emocional.
Por outra parte, cabe sinalar tamén que o confinamento alterou en gran medida a vida
diaria dos nosos nenos e nenas, así como das súas familias, polo que durante o mes de
setembro por parte do centro elaborouse ademais e púxose en marcha un Programa de
Acollida coa finalidade de facilitar un inicio de curso de forma gradual, acollendo ao
alumnado e ás familias, e tendo en consideración as diferentes situacións emocionais
vividas.
9. METODOLOXÍA
Outro aspecto fundamental na programación é o como ensinar, é dicir, a metodoloxía
que vamos a empregar para que os alumnos/as logren acadar os obxectivos propostos.
9.2 DISTRIBUCIÓN ESPAZO – TEMPORAL
Á hora de planificar a práctica educativa deberase ter en conta o ambiente de
aprendizaxe, prestando especial atención a unha axeitada organización dos espazos, do
tempo e dos recursos, tanto materiais como humanos.
En relación aos espazos, estes débense adaptarse ás necesidades que presenten os
nenos/as, e será imprescindible tamén que os cativos/as sexan partícipes da súa decoración.
Cabe sinalar, que este curso debido á situación na que nos atopamos tivemos que delimitar
as zonas comúns, destacando claramente os espazos a empregar por cada un dos grupos
estables. Así pois, contamos con zonas de uso común para compartir e relacionarse cos
demais, como por exemplo a zona do Que me contas? (Asemblea), na cal marcamos con
aironfix 4 zonas diferentes. Así mesmo, tamén temos espazos para realizar determinados
tipos de actividades (individuais, grupais…) levándose a cabo tanto nas zonas de mesa,
como na de asemblea, etc. Por outra parte cabe mencionar que a aula está organizada en
RECUNCHOS, ou ZONAS DE TRABALLO, posto que esta organización permite contribuír
ao desenvolvemento integral dos alumnos/as, xa que facilita a súa estruturación espazo-
temporal, o seu proceso de socialización, e a adquisición de cotas cada vez maiores de
autonomía persoal, entre outros aspectos. Os recunchos fixos cos que contamos son os
seguintes: o dos Oficios, destinado ao xogo simbólico; o de Construccións, destinado aos
xogos manipulativos de encaixar pezas, pistas...; o da Mesa Sensorial, destinado ás
actividades de manipulación de diversos materiais (area, auga, follas...). Ditos recunchos
asígnanse un día á semana a cada grupo. Logo ademais cada grupo conta con un estante
individual no que teñen diversos materiais entre os que destacan: contos, tendo en conta o
Proxecto Lector elaborado polo centro, actividades de Lecto-Escritura; materiais de arte
(folios, ceras, rotuladores, témperas, pegatinas, sellos...) para contribuír á estimulación da
súa capacidade creativa e imaxinativa; actividades de lóxico-matemáticas,…
A aula conta ademais cun amplo espazo no piso superior que se emprega nas sesións
de Educación Física e Música. Ten outros espazos onde se realizan as intervencións
individuais de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe ou a sesión de Atención
Educativa. O patio de xogos é utilizado para as sesións de Educación Física cando fai bo
tempo.
No que respecta á organización do tempo, a planificación da xornada escolar será
flexible, considerando as necesidades dos alumnos/as e combinando tempos de actividade
con períodos de descanso, actividades en grupo ou individuais, de maior ou de menor
movemento… Por este motivo, os tempos estarán programados en base á realización
dunhas RUTINAS DIARIAS, e entre as que destacan: a rutina de entrada; a da asemblea
(que inclúe entre outras a rutina do encargado/a; cantos somos hoxe?; o calendario…); a de
actividades experienciais e de vivenciación; a do traballo individual (actividades impresas);
o momento do xogo libre; a dos hábitos de hixiene e aseo; a da merenda (na que se traballará
a Educación para a Saúde a través do menú de merendas saudables); a do recreo; a do
contacontos; a de actividades de expresión rítmico-musical-corporal; a de actividades do
proxecto; a do xogo libre e/ou dirixido nos recunchos; e a de recollida e de saída.
- HORARIO
- ORGANIZACIÓN TEMPORAL DUNHA SESIÓN
Descrición dunha xornada:
Independentemente de que no cadro aparezan detalladas as horas, debo sinalar que
só serán referentes as horas dos especialistas e do recreo pois como xa especifiquei con
anterioridade, os tempos serán flexibles.
Así pois, cando os nenos/as chegan á escola, despídense de seus pais/nais, e nada
máis entrar proceden a unha hixiene de mans exhaustiva con xabón e auga ou con xel hidro
alcohólico, colgan a mochila e cazadora e poñen o mandilón. Logo van sentarse ao sitio que
cada un/unha ten establecido nas mesas dos seus equipos, esperan ata que todos/as estén
listos para ir a situarse por quendas á zona que teñen establecida na asemblea. Alí facemos
a asemblea diaria: cantamos a canción dos “Bos días”, o encargado/a pasa a lista, saudando
a todos os seus compañeiros/as, e sinalando no panel como se chaman as primeiras letras
dos seus nomes. Despois disto, fai o seu debuxo no encerado e escribe o seu nome.
Seguidamente levamos a cabo a actividade do nº protagonista coa que traballamos
diferentes conceptos matemáticos entre os que destacan: o conteo, asociación de grafía-
cantidade, veciños dos números...
Unha vez rematado o panel, repasamos a estación, o tempo e o mes. Contamos os
días no calendario ata chegar ao día no que estamos. Cantamos a canción dos “Días da
semana” e indicamos que día é hoxe, que día foi onte e que día vai ser mañá. Contamos
algo do día anterior e por último explicamos que vamos a facer durante a xornada.
Cada día levamos a cabo actividades diferentes. Así pois, uns días traballamos
conceptos matemáticos da man do Método ABN, introducíndonos así e iniciándonos nos
conceptos lóxico-matemáticos, experimentando, a través de actividades manipulativas, coa
serie numérica, o conteo, a correspondencia, as unidades e as decenas, a relación entre
grafía e cantidade, etc.
Outras veces centramos o noso traballo na lectoescritura, coñecendo as nosas amigas
as letras, que se nos presentan non só pola súa grafía senón tamén polo seu son. Para iso
partimos de palabras significativas para todos/as (o noso propio nome e o nome dos nosos
compañeiros/as, familiares, amigos/as próximos, os días da semana, os diferentes carteis
da aula, títulos de contos...). A partir destas palabras levamos a cabo multitude de
actividades: contar o número de letras, ver cal se sitúa ao inicio ou ao final da palabra,
identificar letras iguais, representar a súa grafía, recoñecer letras polo seu son, compoñer
palabras...
Ademais de todo isto, tamén traballamos os trazos, para o que desenvolveremos un
taller semanal de grafomotricidade creativa, e no que iremos coñecendo os diferentes tipos
de trazos (verticais, horizontais, diagonais...) e con eles levaremos a cabo diversas
actividades: representalos co noso propio corpo, construílos sobre superficies amplas con
obxectos e materiais da aula, trazalos nas distintas lousas con xiz, rotulador..., plasmalos
sobre o papel con diferentes elementos (temperas, acuarelas, etc...).
Despois de finalizar o traballo de cada día, recollemos os diferentes materiais
empregados, lavamos as mans e merendamos. Ao rematar de merendar vestímonos e
saímos ao patio.
Á volta do patio, sacamos cazadoras, colgámolas, e procedemos outra vez ao lavado
de mans e despois bebemos. Sentámonos nas mesas dos equipos a relaxarnos con música
ou lendo algún conto. Logo disto facemos a distribución dos recantos.
Cando remata o tempo dos recantos recollemos todos os materiais, sacamos os
mandilóns, lavamos outra vez as mans, vestímonos e preparámonos para saír.
9.3 RECURSOS
En canto aos recursos materiais, cabe destacar que estes deberán ser variados, e
estimulantes, para favorecer o descubrimento, e permitir a observación, a manipulación e a
experimentación por parte do alumnado contribuíndo deste xeito ao desenvolvemento das
súas capacidades. Así pois, na aula empregaranse materiais de diversos tipos como son os
funxibles (lapis, cores…); os non funxibles (crebacabezas, bloques lóxicos…); e os de
reciclaxe (caixas, rolos de papel…); ademais do material específico propio de cada
recuncho. É preciso sinalar que tamén se terán en conta os recursos ambientais. Este curso,
débese indicar, que cada alumno/a conta co seu kit propio de materiais individuais (lapis,
ceras, rotuladores, pegamento...), e o común só é compartido cos compañeiros/as cos que
conforman o grupo estable.
No tocante aos recursos humanos, debo sinalar que se contará coa colaboración dos
distintos profesionais do centro, como son o especialista de inglés e o das ensinanzas
relixiosas, tal e como se reflicte na Orden de avaliación, como cos especialistas de educación
física, de educación musical, e de Audición e Linguaxe atendendo ao disposto no Catálogo
dos postos escolares. Por outra parte, tamén se contará coa participación das familias e
demais axentes da comunidade educativa.
Os mestres/as que imparten clase neste grupo son:
- Educación Física: MARIO JIMÉNEZ LÓPEZ
- Inglés: PABLO GARCÍA LORENZO
- Relixión: CELIA PIÑEIRO GARCÍA
- Atención Educativa: SONIA PAZOS PENELA
- Educación Musical: MARTÍN SABORIDO RIAL
- Audición e linguaxe// PELO: PAULA MARÍA DEIRA MOIGÁN
- Pedagoxía Terapéutica: MARÍA VÁZQUEZ DE LA IGLESIA
- Apoio xenérico ao grupo: CARLA ELISABET MORANO RODRÍGUEZ
- Titora: RAQUEL FERREIRO MAREQUE
• COORDINACIÓN ENTRE MESTRA TITORA E MESTRA DE APOIO
En Pazo Infantil compartimos docencia Raquel Ferreiro Mareque como mestra titora e
Carla Elisabet Morano Rodríguez como mestra de apoio.
Esta aula estará apoiada dúas sesións os luns (cuarta e quinta sesión), e os mércores
outras dúas sesións (segunda e terceira sesión).
Previamente consensuado entre as dúas docentes, a actuación do apoio nesta aula
será como segue:
Apoio ao traballo da aula ao longo da xornada: no traballo colectivo, e no traballo
individual na mesa (axudando sobre todo ao grupo de 4º de EI nos seus primeiros pasos na
escola).
A actuación de ámbalas dúas docentes estará encamiñada en todo momento a lograr
os fins (art. 3) e obxectivos (art. 4) que se recollen no decreto 330/2009 do 4 de xuño, tendo
presente as orientacións metodolóxicas e os principios de actuación docente para lograr, en
definitiva, o desenvolvemento integral e harmónico dos nenos e nenas a nivel físico, motor,
emocional, afectivo, social e cognitivo.
9.4 O PERÍODO DE ADAPTACIÓN
O período de adaptación enténdese como o intervalo temporal que nenas e nenos
precisan para asimilar os cambios producidos na súa vida, contorno e ambiente ao
incorporárense ao centro escolar -é dicir, ao pasar dun ambiente que coñecen e dominan a
outro descoñecido e, en moitos casos, vai supoñer tamén a primeira separación das figuras
de apego.
Dito período lexislativamente aparece reflectido na Orde do 25 de xuño de 2009 pola
que se regula a implantación, o desenvolvemento e a avaliación do segundo ciclo da
educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia, e nela establecese que a súa
organización garantirá a integración gradual, do alumnado de nova incorporación desde o
inicio das actividades lectivas, e que en ningún caso poderá superar o mes de setembro.
Concretase ademais anualmente na orde que establece o calendario escolar, Orde do 25 de
xuño de 2020 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2020/21 nos centros
docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.
A maiores disto, cabe sinalar que o presente curso, de xeito excepcional debido á
situación de pandemia na cal nos atopamos, no protocolo COVID tamén se recolle a
posibilidade de que o período de adaptación poida contemplarse para todo o alumnado da
etapa de educación infantil ata o 30 de setembro. Polo que tendo isto en conta, a
incorporación dos nenos/as de infantil na escola de Pazo organizarase da seguinte forma:
5 ANOS
XOVES 10: DE 9:00h a 11:00h (Non merendan na escola)
*A partir do VENRES 11 horario normal: de 9:00h a 14:00h
4 ANOS
XOVES 10: DE 12:00h a 14:00h (Non merendan na escola)
VENRES 11: de 11:00h a 14:00h (Merendan na escola)
*A partir do LUNS 14 horario normal: de 9:00h a 14:00h
3 ANOS
VENRES 11 e LUNS 14: de 12:00h a 14:00h (Non merendan na escola)
MARTES 15 e MÉRCORES 16: de 11:00h a 14:00h (Merendan na escola)
*A partir do XOVES 17 horario normal: de 9:00h a 14:00h
* A partir do xoves 17, todo o alumnado de infantil estaría facendo horario completo de
9:00h a 14:00h, deixando aberta a posibilidade de modificación en función da adaptación
dos nenos/as.
9.5 ACTIVIDADES
A intervención educativa dirixida á consecución dos obxectivos propostos concretase
en último termo nas actividades, a través das cales se desenvolven as capacidades infantís,
polo que á hora de levar a cabo a súa elección partirei dunha concepción construtivista da
aprendizaxe tendo como referencia as ideas dos diversos autores abordados xa
anteriormente. Así pois ditas actividades terán como referencia os coñecementos previos
dos nenos/as, así como tamén as súas necesidades e intereses. Por outra parte serán
globalizadas, significativas e motivadoras, e tamén activas concedéndolle un gran
protagonismo á experimentación, xa que a través dela ten lugar a aprendizaxe. Cabe
destacar ademais que posto que unha das principais fontes de actividade nestas idades é o
xogo, todas as actividades presentarán un carácter lúdico.
No tocante aos distintos tipos de actividades que levaremos a cabo podemos facer
unha distinción atendendo a diferentes criterios. En canto á secuenciación, propoñeranse
actividades de introdución, de desenvolvemento e finais. As primeiras, permitiranme
afondar nos coñecementos previos que posúen os nenos/as, así como detectar cales son
os seus intereses. Entre estas destaco: a lectura de contos, por exemplo, asembleas.... As
segundas, permiten conseguir o desenvolvemento das capacidades propostas nos
obxectivos didácticos, e entre elas destaco por exemplo: as de lóxico matemática a través
do método ABN, as de lectoescritura, a plantación de sementes e posterior seguimento e
rexistro do seu crecemento... Por último, entre as finais, aquelas que nos serven para
afianzar todo o aprendido, destaco a modo de exemplo: elaboracións de obradoiros de
cociña; a confección de libros-murais nos que se recolla todo o abordado.
Á hora de planificar as actividades, para poder atender á diversidade do alumnado, así
como ao aprendizaxe dos diferentes contidos, organizaranse diversas formas de
agrupamento, tal e como se establece no noso Decreto Curricular. Así pois, levaranse a
cabo actividades en gran grupo (mantendo sempre as distancias recomendadas); en
pequeno grupo (xogo por recunchos); por parellas (por exemplo realización das propias
siluetas corporais); e a nivel individual (realización de actividades impresas).
Do mesmo xeito, tamén estará prevista, de ser o caso, a programación de actividades
de ampliación e de reforzo, (partindo sempre das actividades ordinarias) en función das
necesidades educativas que poidan presentar os nenos/as, para así dar resposta a ditas
necesidades.
A maiores de todas estas actividades, é preciso mencionar que tamén se
desenvolverán outras de carácter complementario, tal e como se recolle no Decreto
374/1996, de 17 de outubro, polo que se aproba o Regulamento orgánico das escolas de
educación infantil e dos colexios de educación primaria.
Aínda que neste curso 2020-2021 non está previsto levar a cabo eventos onde participe
todo o alumnado do centro. Deste xeito, e salvo mellora enorme da situación epidemiolóxica
non se celebrará o Festival de Nadal no Auditorio de Rianxo ou actos grandes como o
Magosto. Pero estas celebracións poden ter lugar dun xeito diferente, e correspóndelle aos
diferentes equipos docentes a organización delas baixo estas premisas:
Evitar mesturar alumnado de diferentes escolas.
Levalas a cabo, sempre que o tempo o permita, ao aire libre.
Facer as labores de limpeza e desinfección preceptivas antes e despois da
celebración do evento.
Emprego de medios telemáticos cando sexa preciso.
As saídas didácticas poderán levarse a cabo respectando a normativa vixente no
momento de realizalas, sobre todo en cato ao aforo de museos e salas e ás de
transporte. Aconséllase que se realicen dentro da propia localidade e ao aire libre,
sendo un bo curso para explotar os numerosos recursos que ofrece o concello.
E en canto á realización de actividades extraescolares fóra da xornada lectiva, é
preciso apuntar que o presente curso non se levarán a cabo debido á imposibilidade por
parte da ANPA de garantir o cumprimento das medidas esixidas no protocolo.
Por outra parte tamén se celebrarán algunhas conmemoracións marcadas na Orde do
calendario escolar, anteriormente citada.
Ademais de todas estas actividades tamén levarei a cabo outras como son: as normas
de aula a través da arte; a miña maleta; a semana do/a protagonista; e a celebración dos
aniversarios...
9.7 PROXECTO DOCUMENTAL INTEGRADO (PDI)
Durante o presente curso tamén levaremos a cabo un Proxecto Documental Integrado
que versará sobre os contos, o cal leva por título: “Fíos de palabras (contos impresos e de
tradición oral)”. Así pois, partindo desta temática comezaremos a investigar e a
documentarnos, por un lado, acerca de que son os contos (partes dun conto, diferentes
personaxes dos contos, títulos, ilustracións, textos...), e por outro lado tamén traballaremos
a linguaxe oral e a creación de historias empregando para iso múltiples recursos como por
exemplo barallas de cartas, stori cubes, pedras pintadas..., así como tamén diferentes
técnicas entre as cales destaco por exemplo: “Ensalada de contos”, ou “Que ocorrería se...”
de Gianni Rodari. A través dos contos, tamén nos achegaremos ao mundo das emocións, e
da arte, entre outros, do mesmo xeito que tamén estaremos a propiciar a transmisión de
moitos valores, e rompendo con certos estereotipos ao analizar as mensaxes e as historias
de cada un dos contos que abordemos.
9.8 RELACIÓN FAMILIA-ESCOLA
Posto que a familia é o primeiro contexto de socialización dos nenos/as e que xoga un
papel fundamental no seu desenvolvemento, será preciso fomentar a súa participación no
proceso de ensinanza-aprendizaxe, así como establecer unha estreita colaboración entre
ela e a escola para que teña lugar unha coherencia educativa entre ambos contextos.
Así pois, dado ás características da nosa escola a relación coas familias é diaria,
constante e continua, xa que recibimos información cando chegan os nenos e nenas e
damos información cando saen.
Pero ademais destes contactos informais diarios, tamén estableceremos unha
comunicación continua como xa indiquei anteriormente, a través do WhatsApp, do
abalarmóbil, e de ser o caso de chamadas telefónicas ou videochamadas. No caso de ser
preciso as titorías, seguirán vixentes o martes de 18:00 a 19:00 h., previa cita, ou da mestra
ou dos pais, e no caso de non poder ese día concretaríase outro día e outra hora.
No que respecta á implicación e colaboración das familias no centro podemos
diferenciar dous niveis: a nivel de centro e a nivel de aula. A nivel de centro, a participación
familiar será a través do proceso de matriculación (onde hai un primeiro intercambio de
información); e da participación na ANPA (reguladas na Orden de 22 de xullo de 1997); do
Consello Escolar (reflectido no Regulamento Orgánico de Centros. En canto ao nivel de aula
a participación familiar será de forma máis directa, aínda que este ano dita participación a
se verá un pouco reducida, e optarase entre outras por levar a cabo actividades telemáticas
como por exemplo contacontos na aula virtual. De todos xeito, tamén pediremos que nos
acheguen material para o desenvolvemento das diferentes actividades relacionadas co PDI,
levando a cabo sempre unha rigorosa desinfección ou poñendo eses materiais illados en
corentena durante uns días. Levaremos a cabo tamén o préstamo de libros; e a actividade
a “Miña Maleta”, entre outras.
A titora: Raquel Ferreiro Mareque