De esquerda a dereita e de arriba cara a abaixo: Olimpia Valencia, Ángeles Alvariño,
Antonia Ferrín, María Wonenburger, Tarsy Carballas e Inmaculada Paz Andrade.
21 científicas galegas que tes que coñecer
Non están todas as que son, pero aquí hai 21 científicas galegas que marcan o
camiño da excelencia investigadora
Por
Victoria García
-
05/03/2020
Como se adoita dicir, non están todas as que son, pero si son todas as que están.
Para celebrar este 8 de marzo, en GCiencia compilamos 20 nomes de mulleres de
ciencia en Galicia cuxa vida e traxectoria cómpre coñecer. Referentes que
marcaron e aínda marcan o camiño na excelencia investigadora, máis tamén na
reivindicación de dereitos.
Ángeles Alvariño
(Serantes, Ferrol,1916-La Jolla, California, 2005). É unha
mulleres de ciencia máis importantes da historia de Galicia. A súa carreira
investigadora comezou en Vigo, pero a desenvolveu logo nos Estados Unidos, con
estudos de fonda repercusión.
Ao longo da súa carreira, Alvariño descubriu doce novas especies
de quetognatos e nove de sifonóforos. Os uns e os outros, cos seus nomes
raros, son minúsculos depredadores que forman parte do plancton. Tamén
describiu unha nova especie de medusa. En total, Ángeles Alvariño atopou 22
novas especies para a ciencia. Tal foi a súa relevancia que desde 2012 un buque
do Instituto Español de Oceanografía leva o seu nome.
María José Alonso
A catedrática de Farmacia e
Tecnoloxía Farmacéutica da USC María José Alonso.
(Carrizo de la Ribera,León, 1958). Graduouse en Farmacia pola Universidade de
Santiago de Compostela en 1981 e obtivo o seu doutoramento en 1985. É
catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC e dirixe o MJ Alonso
Lab. En 2014, xunto a Alicia Estévez, foi a primeira muller en ingresar na Real
Academia Galega de Ciencias despois de case 25 anos.
É a científica española máis citada en Ciencias da Saúde, con preto de 15.000
mencións, e recibiu numerosos recoñecementos internacionais, alén de asesorar a
revistas de alto impacto e ao Goberno español.
Manuela Barreiro Pico
(Viveiro, 1877-Madrid, 1953). “Perde o tempo quen ten o mal gusto de enviar á súa
filla ao laboratorio”, dixeron dela nas revistas dela. Mais aproveitou o tempo e foi
pioneira. Foi a primeira muller en Galicia en recibir un título de Bacharelato e a
primeira licenciada en Farmacia. Entre 1903 e 1933 rexentou a súa propia botica
en Ribadeo.
Mar Capeáns
(Santiago de Compostela, 1967).
Desde 1992, xusto despois de terminar a súa tese de doutoramento en Física na
USC, traballa no CERN, entre Francia e Suíza. Foi a primeira muller española en
formar parte da plantilla do gran experimento, e hoxe dirixe o departamento de
Tecnoloxía de Detectore, sendo unha das científicas con maior responsabilidade
nun equipo de miles de persoas.
Así explicaba o seu traballo nunha entrevista con GCiencia: “Digamos que os
detectores son como as cámaras de fotos que rexistran as colisións das partículas
que inxectamos no LHC. Pois ben, os detectores teñen que ser os mellores, os
máis precisos, para detectar todos eses movementos que se producen a escala
subatómica, e obter así os resultados que nos levaron, por exemplo, a atopar o
Bosón de Higgs”.
Tarsy Carballas
(Taboada, 1934). É unha das científicas que máis coñece o solo de Galicia.
Licenciouse en Farmacia en 1958 na Universidade de Santiago de Compostela, e
pouco despois xa era profesora adxunta interina de Bioquímica e profesora
axudante de Termodinámica e Mecánica Estatística. Tamén estudou Ciencias
Químicas, que rematou, con premio extraordinario de licenciatura, no ano 1963.
Co seu traballo, Carballas converteuse na pioneira dos estudos da xénese,
clasificación e cartografía dos solos da zona húmida e temperada de España e no
aproveitamento de materiais orgánicos residuais como fertilizantes. Pero sobre
todo, a figura de Tarsy está enfocada ao estudo dos efectos da erosión producida
polos incendios forestais, da que ten alertado en moitas ocasións como un dos
graves problemas que afectan aos solos en Galicia.
Alicia Estévez
(Pontevedra, 1955). Licenciada en Bioloxía e Farmacia e catedrática de
Microbioloxía da USC desde 1991. É unha autoridade internacional nas patoloxías
dos peixes con aproveitamento acuícola.
En 2018 recibiu o premio María Wonenburger en recoñecemento á súa traxectoria.
Alén de moitos outros recoñecementos, tamén é membro da Real Academia
Galega de Ciencias (RAGC), sendo unha das dúas primeiras mulleres, xunto a
María José Alonso, en incorporarse á institución despois de case 20 anos sen
novos ingresos femininos.
Antonia Ferrín
Antonia Ferrín.
(Ourense, 1914-Santiago de Compostela, 2009). Foi a primeira astrónoma
galega. Tamén, a primeira muller que leu unha tese doutoral en España
sobre astronomía. E fixo interesantes achegas ao estudo das estrelas dobres. En
1930, entra na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago, onde cursa a
especialidade de Química.
De 1934 a 1936 dá clase na Física e Matemáticas da Facultade de Ciencias,
mentres estudaba Farmacia e realizaba cursos de ciencias exactas. En 1937, foille
aberto un expediente de “depuración” tras recibirse unha denuncia anónima sobre
a súa ideoloxía política. A consecuencia deste proceso, foi sancionada e apartada
da docencia universitaria. Co apoio de Ramón María Aller, segue investigando ata
converterse na primeira doutora en Astronomía de España en 1963.
Carmen García Mateo
Carmen García Mateo é catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións na
Universidade de Vigo. Licenciouse no ano 1987 na Universidade Politécnica de
Madrid e doutorouse en 1993. Desde os anos 90 é profesora titular na Escola de
Enxeñería de Telecomunicación, na Universidade de Vigo, onde tamén ten
desempeñado o cargo de vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea,
entre os anos 2006 e 2010.
En 2014 recibiu o premio María Wonenburger en recoñecemento ao seu labor,
nunha disciplina, a de Telecomunicacións, na que a fenda de xénero é aínda
notable.
María Teresa Miras Portugal
(O Carballiño, 1948). Estudou a licenciatura de Farmacia, primeiro na USC e logo
na Complutense, onde se doutorou. É catedrática de Bioquímica e Bioloxía
Molecular nas universidades de Oviedo, Murcia e Complutense de Madrid. Foi
presidenta da Real Academia Nacional de Farmacia, a primeira muller na historia.
Está especializada no estudo dos receptores de nucleótidos e a súa repercusión
en doenzas neurodexenerativas. Foi premio María Wonenburger en 2009
Minia Manteiga
(Negreira, 1963). En 2018, esta profesora da Universidade da Coruña converteuse
na primeira catedrática de Astrofísica de Galicia. Estudou Física na USC e
continuou a súa traxectoria na universidade de La Laguna, ao abeiro do Instituto
de Astrofísica de Canarias.
Actualmente compaxina a docencia na Escola de Náutica na Coruña coa
investigación, e traballa coa Axencia Espacial Europea no proxecto Gaia, na
cartografía máis ampla feita ata agora da Vía Láctea.
Inmaculada Paz Andrade
Inmaculada Paz Andrade. Imaxe:
culturagalega.org.
(Pontevedra, 1928). É doutora en Física pola USC (1963) e catedrática de Física
Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela. Durante a súa longa
traxectoria acabou converténdose nunha referencia mundial en Microcalorimetría,
Termoxénese e Calorimetría Diferencial de Barrido. En 1983 foi a primeira
catedrática de Física Aplicada e preto de tres décadas despois sería tamén a
primeira investigadora recoñecida coa medalla de ouro da Real Sociedad Española
de Física. En 2008 recibiu o primeiro galardón María Wonenburger e en 2018, foi
nomeada doutora honoris causa pola UVigo.
Peregrina Quintela
(Vigo, 1960). É licenciada en Matemáticas pola USC (1982) e doutora en Ciencias
Matemáticas pola Universidad Autónoma de Madrid. É catedrática de Matemática
Aplicada na USC. Presidenta da Rede Española Matemática-Industria (math-in) e
directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI). En
2016 recibiu o premio María Wonenburger.
Ángela Ruiz Robles
Ángela Ruiz Robles, inventora da Enciclopedia
Mecánica.
(Villamanín, León, 1895). Foi mestra e pasou a maior parte da súa vida en Ferrol.
A súa idea máis brillante materializouse en 1949, cando patentou un libro de texto
para os estudantes que funcionaba cun sistema mecánico de aire a presión, ao
que se podían engadir diferentes carretes correspondentes ás distintas materias,
e ao que deu o nome de Enciclopedia Mecánica. Unha especie de predecesor do
libro electrónico que a fixo pasar á historia.
Marisol Soengas
(Agolada, 1968). A científica galega dirixe o grupo de Melanoma no Centro
Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), e é unha autoridade internacional
na investigación do cancro de pel. Licenciouse en Bioloxía na Universidade da
Coruña, aprendeu máis sobre Bioloxía Molecular na Universidad Autónoma de
Madrid e doutorouse ao tempo que tiña a oportunidade de traballar con Margarita
Salas no laboratorio do Centro de Biología Molecular Severo Ochoa.
Ramona Vaamonde
(Santiago de Compostela, 1907-1997). Foi premio extraordinario da licenciatura de
Farmacia en 1930, con 12 sobresaíntes e matrículas de honra. Durante a Guerra
Civil traballou e obtivo o título de Enfermería no Laboratorio de Farmacia Militar de
Santiago. Exerceu despois de axudante nas clases de Microbioloxía, foi nomeada
profesora adxunta da materia en 1956 e leu a súa tese de doutoramento en 1957,
despois do cal se dedicou a docencia desta disciplina e de Parasitoloxía. Tivo un
papel clave para detectar o virus do cólera en Santiago en 1975, evitando unha
epidemia.
Olimpia Valencia
Olimpia Valencia.
(Ourense, 1898-Vigo, 1987). Foi unha das primeiras licenciadas en Medicina de
Galicia. Fíxoo cun expediente académico brillante, que inclúe 19 matrículas de
honra e premio extraordinario. A discriminación de xénero obrígaa a optar pola
xinecoloxía fronte a súa primeira opción, a neumoloxía, xa que estaba mal visto
que as mulleres atenderan aos homes.
Na Segunda República apoiou ao Partido Galeguista, o que lle valeu un arresto en
1937 durante a represión franquista. Despois mantivo a súa consulta no centro de
Vigo (onde hoxe ten unha rúa), e foi unha das fundadoras da Alianza
Francesa en Vigo. Desde 2017 tamén leva o seu nome o edificio Centro de
Investigacións Biomédicas (Cinbio) da Universidade de Vigo.
Begoña Vila
(Vigo, 1963). Esta astrofísica viguesa traballa no novo gran telescopio que
explorará o espazo, o James Webb da NASA. Vila comezou a estudar Física na
USC e logo especializouse en Astrofísica no Instituto de Astrofísica de Canarias.
Realizou o seu doutoramento no centro Jodrell Bank de Manchester, onde
investigou sobre galaxias espirais, e fixo o posdoutoramento na universidade de
Cardiff.
Máis tarde mudouse a Canadá, desde onde empezou a traballar coa NASA
no James Webb a través dunha empresa canadiana. Comezou como analista,
ascendeu a enxeñeira de sistemas e, finalmente, foi designada como encargada
técnica do Fine Guidance Sensor, o dispositivo que guiará a viaxe do gran
telescopio, onde lidera a un equipo dun milleiro de persoas. Foi premio María
Wonenburger en 2017.
María Wonenburger
María Wonenburger xunto ó seu
colega Paul Halmos, na Universidade de Indiana en 1967.
(Oleiros, 1927-A Coruña, 2014). Naceu en Montrove no seu dunha familia
propietaria dunha empresa de fundición. Licenciouse en Matemáticas en 1950 na
primeira promoción da Universidade Central de Madrid. Foi a primeira española
en conseguir unha bolsa Fulbright, o que lle permitiu estudar na universidade
de Yale. Alí doutorouse nunha rama das matemáticas da que se converteu en toda
unha experta mundial: a teoría de grupos. Tamén foi coñecida polos seus
desenvolvementos en álxebras de Lie, que se usan en estudos de xeometría en
espazos vectoriais.
Tivo unha vida de recoñecementos en Estados Unidos mentres aquí ficaba no
anonimato. Regresou en 1983 á Coruña pola enfermidade da súa nai, e só nos
seus últimos anos chegaron as homenaxes en Galicia. En 2010 foi a primeira
científica investida doutora honoris causa pola universidade da Coruña. E
a Xunta de Galicia creou en 2007 o premio que leva o seu nome.
Isabel Zendal
(Ordes, 1773-Puebla, México, n/c). En 1803 partiu da Coruña unha expedición que
sería controvertida o día de hoxe, pero que salvou moitas vidas. Un médico
chamado Francisco Xavier Balmis convenceu ao rei Carlos IV para financiar unha
idea revolucionaria: infectar nenos orfos coa varíola e utilizalos para levar a vacina
a América, onde a enfermidade, levada en 1518 polos primeiros colonos españois,
tiña efectos devastadores. A bordo desta expedición ía a enfermeira Isabel Zendal,
reitora do Hospital da Caridade da Coruña, foi a gran protagonista que coidou
dos cativos na súa viaxe.
Eugenia Pereira
Retrato de
Eugenia Pereira.
Foi unha galega pioneira no eido da farmacia. Porque Eugenia Pereira
Rodríguez (O Carballiño, 1895-Barcelona, 1984) destacou como unha das
primeiras alumnas da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago. Foi a
primeira licenciada galega en obter unha bolsa de estudos no estranxeiro. E
destacou como enóloga e na industria farmacéutica, onde cos seus Laboratorios
Pereira lanzou antibióticos, cosméticos ou o primeiro deterxente líquido que se
comercializou en España.