PARA LER
Novelas xuvenís
Abderramán, el principe Omeya (Anthony Fon Eisen). A dinastía
dos Omeia dominou e gobernou o imperio musulmán, pero os
Abasidas acabarán por expulsalos e realizarán unha matanza dos
derrotados da que unicamente se libran uns poucos, entre eles o
príncipe omeia Abderramán. A súa cabeza ten prezo, de modo que
debe fuxir para salvarse.
Almogávar sin querer (Fernando Lalana. Luis A. Puente). Aventuras
a comezos do século XIV protagonizadas por un mozo almogávar
aragonés que loita en territorio dos bizantinos ás ordes de Roger de
Flor.
El caballero del Cid (José Luis Olaizola). Ambientada no século XI,
a novela narra a historia de Efrén, fillo ilexítimo dun normando e
dunha moura desde as súas orixes ata que consegue ser armado
cabaleiro e combater nas mesnadas do Cid.
El enigma del Cid (Mª José Luis). Logo de visitar unha exposición
sobre a figura de Rodrigo Díaz de Vivar, o Cid, entéranse de que a
vitrina na que estaba o seu helmo foi asaltada e van tratar de
descubrir os autores e as razóns do feito.
El misterio del eunuco (José Luis Velasco). Historia ambientada na
Córdoba do culto califa Alhakem II e centrada na acción destinada a
desvelar o aparente asasinato do xefe dos eunucos de palacio, resulto
polo médico do monarca coa axuda do seu fillo.
El señor del cero (Mª Isabel Molina Llorente). A finais do século X,
un mozárabe cordobés ten que fuxir á terras de cristiáns polas
envexas dun compañeiro da escola do califa. Os monxes do mosteiro
catalán de Ripoll acólleno e el ensínalles a forma de contar e calcular
dos árabes.
El vendedor de noticias (José Luis Olaizola). Un mozo estremeño
soña con facer algo máis que coidar os porcos do seu avó e decide
entra ao servizo do señor feudal local, pero animado polas noticias
que del se contan, foxe do lugar en busca de Rodrigo Díaz de Vivar,
o Cid.
El vuelo de las cigüeñas (Mª Isabel Molina Llorente). A finais do
século IX, un rapaz de 16 anos orfo e un sacerdote mozárabe realizan
unha viaxe desde o reino de Asturias a Al-Ándalus para trasladar
unhas reliquias de dous mártires ao reino cristián.
Estrella dorada (Ana Alonso, Javier Pelegín). Terceiro libro da
triloxía de Yinn. Diego e Akil atopan refuxio no mosteiro de San
Xoán da Peña e tratarán de localizar un manuscrito cabalístico e
viaxarán á escola de tradutores de Toledo para descifrar o libro que
os axudará a elaborar a estrela dourada, o obxecto máxico que lles
permitirá obter o Santo Grial que foi roubado do mosteiro.
Fernando el templario (José Luis Velasco). Historia ambientada na
Reconquista da península ibérica centrada no personaxe dun mozo
orfo que entra ao servizo dun señor feudal. Vive no seu castelo e
aprende o manexo das armas, o que lle permite salvar ao rei de
morrer en varias ocasións, servizos polos que merecerá ser armado
cabaleiro.
Godorián (Gonzalo de Alvear). Os reinos cristiáns e musulmáns
conviven en Hispania na Alta Idade Media, pero as relacións son
tirantes e moitas veces rematan con enfrontamentos bélicos aínda que
tamén poden unirse ante un terceiro inimigo.
La batalla de los cuatro reyes (César Vidal). Recreación da batalla
das Navas de Tolosa de 1212 na que, unidos os reinos cristiáns de
León, Castela, Navarra e Aragón, triunfaron sobre os exércitos
musulmáns e paralizaron o seu avance.
Los hijos de Munia (Blanca Sanz). Historia de vida de tres irmáns
nacidos nas proximidades de Burgos na primeira metade do século
XIII. A través das súas aventuras preséntase o panorama da vida
cotiá da época na zona cristiá da península ibérica.
Luna roja (Ana Alonso, Javier Pelegrín). Aventuras de tres amigos –
un nobre leonés, a filla dun médico musulmán de Sevilla e un xudeu
de Toledo- e dous seres máxicos –un yinn e unha criatura máxica dos
bosques- ambientadas en episodios da Reconquista da península
ibérica.
O soño do falcón (Xabier Iglesias). A obra narra a vida do conde
Pedro de Soutomaior, máis coñecido como Pedro Madruga,
destacado representante da nobreza galega medieval e que participou
activamente na revolta irmandiña e na resistencia contra o poder da
Coroa de Castela.
Outras novelas
A la sombra del granado (Tariq Alí). Avatares dunha familia
mourisca do reino de Granada, nos tempos da expulsión decretada
polos Reis Católicos e a actuación da Inquisición perseguindo a todos
os sospeitosos de non acatar as normas impostas da relixión católica.
Al-Gazal, el viajero de los dos orientes (Jesús Maeso de la Torre).
Yahía ben al-Hakam, Al-Gazal (a Gacela) foi un adiantado ao seu
tempo; militar e poeta, viaxou a Bizancio para negociar en secreto co
emperador e os piratas do Mediterráneo; participou na defensa de
Sevilla cando esta cidade foi asediada polos viquingos; navegou ata
Escandinavia e desempeñou un papel clave na política de
Abderramán II.
Astur (Isabel San Sebastián). Na época dos inicios da conquista
musulmá, a zona de Asturias é o único reduto que se resiste a ser
dominado. Alí comezará a reconquista e alí loitará a protagonista con
todas as súas forzas para salvar ao pobo ástur da ameaza de perder a
súa identidade.
Banu Qasi (Carlos Aurensanz). Triloxía - Los hijos de Casi, La guerra de Al Andalus,
La hora del califa- centrada nos enfrontamentos entre os emires cordobeses do século
IX e a familia dos Banu Qasi, os descendentes do conde visigodo Casio convertidos ao
islam, pero que tratan de manterse á marxe das ordes de Córdoba na zona do val do
Ebro. Época de guerras e loita polo poder entre musulmáns pero tamén entre estes e os
cristiáns pois os protagonistas tamén están ameazados por Iñigo Arista, que se
converterá no primeiro rei de Pamplona.
Catalina de Lancaster (María Teresa Álvarez). Lembranzas desta
princesa inglesa que rememora a súa chegada a Castela para casar
con Henrique de Trastamara, a súa vida con quen amou, a súa
soidade tras quedar viúva e os esforzos para conseguir que ninguén
arrebatase o trono a seu fillo.
Córdoba de los Omeyas (Antonio Muñoz Molina). Unha detallada
mirada retrospectiva á Córdoba do califato, cando a cidade destacaba
polo seu nivel cultural, artístico e científico.
El arquitecto de los cielos (Jacques Cardona, Gérard Soliveres).
Historia dos homes que abandonaron Damasco fuxindo dos abasís
para instalarse en Córdoba, desde onde estenderon o poder do
califato de Occidente e construíron a mesquita máis admirada da
época, a perfecta expresión da divindade grazas á suma da sabedoría
das tres relixións representadas na novela.
El brillo de las lanzas (Ramón Muñoz). O califa Abderramán III ten
que enfrontarse ás varias rebelións que ameazaban a integridade de
al-Ándalus. O destino acabará por reunir aos principais protagonistas,
tan distantes anos atrás.
El caballero del jabalí blanco (José Javier Esparza). O protagonista
da novela é un mozo que, nos anos finais do século VIII, atravesou
coa súa familia as montañas cántabras en busca dun val fértil no que
asentarse. Pero deben gardarse dos perigos que acechan esas terras
polos ataques dos musulmáns.
El camino mozárabe (Jesús Sánchez Adalid). Recreación de
lendarios episodios da época de Abderramán III, como a batalla de
Simancas ou a misión da raíña viúva do derradeiro rei de Gallaecia
para rescatar as reliquias de san Paio, entre outros episodios dunha
época de continuas guerras e perigos.
El Cid (José Luis Corral). Entre a historia e a novela, o autor narra a
vida deste lendario guerreiro que foi o terror dos musulmáns, pero
que tivo que sufrir castigos e desterro por orde do seu rei cristián.
El cirujano de al-Andalus (Antonio Cavanillas de Blas). Historia de
Abul Qasim, o médico persoal do califa Abderrahmán III e un dos
cirurxiáns máis notable de todas as épocas.
El enigma de las seis copas (Manuel Sánchez-Sevilla). Novela
ambientada na Córdoba musulmá do século XII que presenta unha
intrigante trama de intriga con inexplicables mortes que o
protagonista, un médico oculista, trata de resolver.
El freire de Santiago (Manuel Martín Hidalgo). A mediados do
século XIII, as tropas cristiás do rei Fernando III avanzan na
reconquista do territorio ocupado polos musulmáns, que ofrecen
unha dura resistencia. Pero os cristiáns contan coa axuda divina da
Virxe e conseguen o obxectivo.
El gran canciller (Antonio Villanueva Edo). Biografía novelada de
quen foi, no século XIV, o chanceler do reino de Castela e autor das
crónicas dos reinados de seis reis casteláns, documentos
indispensables para os historiadores. Foi tamén embaixador ante os
reis de Portugal e Aragón, así como ante os papas de Aviñón.
El invierno de la Corona. Pedro el Ceremonioso (José Luis Corral
Lafuente). Pedro IV de Aragón, o Cerimonioso, un dos personaxes
máis carismáticos da Idade Media, forma parte desta trama que
enreda espionaxe, conflitos políticos, militares, sentimentais e
diplomáticos na Barcelona medieval, desde a Chancillería Real aos
prostíbulos da época.
El libro prohibido de Córdoba (Agnes Imhof). Viaxe a Oriente,
desde Córdoba a Bagdad, a finais do século X. O poderoso al-
Mansur considera o Libro da esmeralda como unha obra herética
perigosa, que transforma a quen o le. Por iso ordena que sexa
queimado no patio da mesquita. Pero tres personaxes tratarán de
localizar o derradeiro exemplar do libro e extraer o seu secreto.
El manuscrito carmesí (Antonio Gala). Boabdil, o derradeiro sultán
granadino, lembra nos papeis carmesís da Chancillería, a súa vida,
complexa e atormentada entre as tensións dos últimos tempos do
reino, os que marcaron a fin da Reconquista.
El mar de bronce (Felipe Romero). No século XI, o xudeu
malagueño Samuel Nagrella marcha a Granada coa súa familia e,
grazas ás súas habilidades como poeta, político e filósofo, acaba por
se converter nun dos personaxes claves da cidade.
El médico de Sefarad (César Vidal). No século XII naceu en
Córdoba Moisés ben Maimón, médico e filósofo, coñecido como
Maimónides. Foron tempos difíciles que obrigaron a seu pai, un
respectado rabino, a emprender coa súa familia o camiño do exilio
tras verse forzado a apostatar da súa fe.
El médico judío (Pedro Gargantilla). No ano 1428, o médico xudeu
David ibn Said, ao servizo de don Garci Fernández Manríquez, inicia
unha viaxe sen destino coñecido coa finalidade de resolver un
enigma que lle permitirá descubrir quen forman parte do grupo de
nobres conxurados para atentar contra a vida de don Álvaro de Luna,
man dereita do rei Xoan II de Castela.
El mozárabe (Jesús Sánchez Adalid). A cidade de Córdoba no século
X destacaba sobre todas as europeas do momento pola súa
prosperidade e organización baixo o mandato do califato iniciado por
Abderramán I. O autor trasládanos coa imaxinación a aquela cidade e
á súa vida política, civil e relixiosa, a vida do harén e as intrigas de
palacio.
El puente de Alcántara (Frank Baer). Os destinos cruzados de tres
personaxes -cada un deles seguidor dunha das tres grandes relixións
que conviven na península ibérica na Idade Media- perfílanse sobre
un fondo histórico que constitúe un vivo retrato da Andalucía do
século XI.
El Reino del Norte (José Javier Esparza). Nos inicios da
Reconquista, o rei Afonso III de Asturias, no leito de morte no ano
842, nomea como herdeiro a Ramiro, pero unha parte da nobreza
oponse, situación da que se beneficia o emir de Córdoba,
Abderramán II, quen decide intervir e fomentar as disputas entre
cristiáns.
El rey conquistador, la crónica oculta de Jaime I (Ángel Delgado,
José Damián Dieste). Biografía a modo das crónicas medievais sobre
este rei, a súa personalidade e accións no contexto da expansión
catalano-aragonesa polo Mediterráneo na baixa Idade Media.
El Rey Monje: crónica del rey Ramiro II de Aragón (Ángel
Delgado, José Damián Dieste). Biografía da vida e feitos deste rei
aragonés á luz de documentación da época.
El salón dorado (José Luis Corral). Juan, un mozo eslavo
secuestrado na súa aldea do sur de Kiev, é vendido como escravo á
biblioteca de Constantinopla. Comeza así un largo periplo que o
levará ata o reino árabe de Zaragoza en tempos do Cid.
El señor de Lordemanos (Miguel Badal Salvador). A mediados do
século XI, o bispo compostelán Cresconio teme que o territorio de
Galicia sexa invadido polos lordemanos e que profanen e saqueen ao
santuario do apóstolo Santiago. Época de temores apocalípticos,
milagres e batallas, elementos característicos da época.
El viaje de la reina (Ángeles de Irisarri). A mediados do século X,
época de máximo esplendor do Califato de Córdoba, pequenos reinos
e condados cristiáns sobreviven na península ibérica. A raíña Toda
Aznar, soberana de Navarra, solicita ao poderoso Abderramán III que
lle recomende un sabio capaz de diminuír a desbordante obesidade
do seu neto Sancho o Craso, rei de León, quen, desposuído do seu
trono, está refuxiado en Pamplona.
Esperando al rey (Peridis). Valladolid, 1155: Afonso VII, o
emperador, reúne a corte para comunicar unha decisión
transcendental: á súa morte dividirá seu reino entre Sancho, o
primoxénito, reflexivo e débil, que herdará Castela e Fernando, o
impulsivo fillo menor, que herdará León. Este é o inicio da novela na
que desfilan xentes da nobreza e do común e que tamén contribuíron
a levantar as grandes obras da época: as catedrais.
En busca del unicornio (Juan Eslava Galán). Relato ambientado a
finais do século XV que narra a historia dun personaxe ficticio a
quen se envía en busca do corno do unicornio. A este corno se lle
atribuían propiedades específicas que debían aumentar a virilidade do
rei Henrique IV de Castela o Impotente.
La cajita de lágrimas (Ángeles de Irisarri). Trama ambientada no
século XIII, un século no que na península ibérica tivo lugar unha
das batallas máis destacada da Reconquista: as Navas de Tolosa.
La copista del rey Alfonso (Yael Guiladi). Recreación do brillante
ambiente cultural da corte do rei de Castela Afonso X o Sabio a
través da protagonista, Beatriz, que loita por facerse un oco como
copista do Estudo Xeral do monarca.
La judía de Toledo (Lion Feuchtwanger). Historia de amor e
violencia centrada nos apaixonados amores do rei Afonso VIII de
Castela pola xudía Raquel no contexto da historia peninsular do
século XII.
La maldición de la reina Leonor (Peridis). Leonor de Aquitania, a
esposa do rei Afonso VIII de Castela, non consegue darlle un
herdeiro varón e acaba por crer que a súa desgraza é un castigo
divino polos amores do seu marido coa xudía Raquel. Tola de celos
organiza unha trama para librarse da súa rival, pero non conta coas
vítimas que ocasiona.
La reina Urraca (Ángeles de Irisarri). A raíña Urraca é dos
personaxes medievais de axitada vida como soberana de Galicia,
Asturias, León, Castela e Toledo, unha muller en medio de batallas
sen fin e intrigas a moitas bandas, artífice e vítima de pactos
políticos. Casou co rei Afonso I de Aragón pero o matrimonio foi un
fracaso.
La tierra dividida (Ramón Muñoz). A mediados do século IX, na
península ibérica existe un fráxil equilibrio de poder: o emirato
cordobés, os cristiáns, que desde o norte van avanzando sobre os
dominios do islam, e o clan de Banu Qasi no val do Ebro. Pero
varios protagonistas tratarán de modificar a situación.
Leonor de Aquitania (Régine Pernoud). Biografía dunha muller que
foi fundamental na historia europea e que non é tan coñecida como
merece. Foi por dúas veces raíña, nai e avoa de reis e raíñas de varios
países europeos; hábil, bela e intelixente, non deixou indiferente a
ningún dos cronistas que con ela se relacionaron.
Los cipreses de Córdoba (Yael Guiladi). Na corte esplendorosa de
Córdoba, no século X, o mozo Da'ud, educado no estudo das
ciencias, entra ao servizo de Abd al-Rahman III para encontrar os
compoñentes dunha pócima que anule os efectos mortais da picadura
de víbora.
Los escarpines de Kristina de Noruega (Cristina Sánchez Andrade).
No século XIII, en plena Reconquista da península ibérica, dona
Berenguela a Grande ten unha obsesión: casar a seu neto, Afonso X,
cunha princesa nórdica. Cando Cristina de Noruega veña a Castela
para casar con Afonso atopará os escarpíns que a súa nai, Beatriz de
Suabia, enterrara cando naceu o neno e con eles o secreto que eles
gardaban.
Mi querida Inés (Margarita Rebelo Pinto). Historia dunha nobre
galega, Ines de Castro, executada en 1355 por orde do rei Afonso IV
de Portugal a causa dos amores que mantiña co infante Pedro daquel
país. Así naceu unha das historias máis tráxicas e novelescas da
historia de Portugal, unha historia de amor que foi máis aló da morte
dos protagonistas que agardan nas súas tombas contiguas agradando
a fin dos tempo para reencontrarse.
Moras y cristianas (Ángeles de Irisarri, Magdalena Lasala). A través
de relatos entrelazados, as autoras dan vida a dúas versións, a
musulmá e a cristiá, de diversos oficios y actividades
representativos da muller medieval na península ibérica.
Perlas para un collar (Ángeles de Irisarri, Toti Martínez de Lezea).
Son dez historias de dez mulleres cristiás e outras tantas de
musulmás e xudías. Son trinta narracións curtas centradas nas
interrelacións culturais destas tres relixións na Idade Media.
Señores de Vizcaya, caballeros de Castilla (Antonio Villanueva
Edo). O autor percorre, a través das vidas de Don Diego -fundador da
vila de Bilbao-, e don Lope, señores de Biscaia, os acontecementos
públicos dos que rexeron a historia dos reinos de España, pero tamén
indaga sobre o que se escondía detrás do aparente.
Tariq y Musa. Conquistadores de al-Andalus (Juan Antonio
Torremocha Silva). Historia dos inicios da conquista da península
ibérica a través de dous dos seus máximos artífices: Tariq e Musa.
Un home de Vilameán (Xoán Bernárdez Vilar). Pedro Blas, veciño
do concello pontevedrés de Vilameán, decide ingresar na Irmandade
para loitar contra as múltiples inxustizas e abusos da nobreza. Con
esta trama, o autor reflicte aspectos do maior conflito social vivido en
Galicia na Idade Media: a revolta dos irmandiños.
Xan irmandiño (Aura Tazón). Ficción ambientada na gran guerra
irmandiña que tivo lugar en Galicia e que rematou coa derrota dos
sublevados en 1469.
PARA VER
Armengola, la leyenda (2011). O rei Xaime I de Aragón trata de
conquistar Uryula, ao que se opón o seu defensor musulmán e decide
aniquilar a todo o seu pobo antes de caer nas mans dos cristiáns. Pero
Armengola, ama de cría do fillo do alcaide musulmán, decide
traizoalo e así salvar ao seu pobo da masacre.
Capitán Trueno y el Santo Grial (2011). Durante a II Cruzada, o
Capitán Trueno encontra nos calabozos dunha fortaleza de Palestina
a un cristián moribundo clamado Juan de Ribera, que lle encomenda
a misión de levar a España un cáliz sagrado que se cre que é o Santo
Grial. Trueno, e os seus inseparables amigos Crispín e Goliat e a
princesa viquinga Sigrid de Thule tenrán que enfrontarse a un
malvado señor feudal para cumprir o encargo.
Cuando Almanzor perdió el tambor (1984). En clave de humor, o
filme recrea aspectos da época do caudillo cordobés, o terror dos
reinos cristiáns; ademais, esixía aos reis doce virxes como tributo;
ao non atopalas, deciden enviarlle doce mozas dun prostíbulo como
se fosen doncelas da nobreza,
El Cid (1961). A partir do texto literario, o filme narra a historia de
Rodrigo Díaz de Vivar, o Cid Campeador, alcume gañado polas
vitorias alcanzadas en batallas contra os musulmáns.
El Cid, la leyenda (2003). Filme de animación sobre as accións
deste personaxe clave na historia medieval do reino de Castela.
La marrana (1992). Comedia rural ambientada no século XV. Tras
permanecer cativo en Túnez, Bartolomé regresa á súa terra estremeña
coa ilusión de comer o seu manxar preferido: porco. No camiño
atópase cun desertor que ten unha porca que desexa facer súa a toda
costa.
Pedro el Cruel (1963). Pedro I, rei de Castela, coa axuda de bos e
leais servidores, goberna o reino con xustiza. Para consolidar o
trono, o rei está disposto a casar con Branca de Borbón, pero
mentres agarda a chegada da súa prometida en palacio, o capitán da
garda real que a custodiaba é capturado e obrigado a regresar a
Toledo sen a muller.
Tramontana (1991). No século XIII, a desolación e a miseria leva
aos habitantes dun poboado dos Pirineos a emigrar a Valencia, rexión
considerada como a Terra Prometida. Durante a viaxe, o amor, o odio
e os sufrimentos porán en perigo a chegada a tan desexado destino.
Ao mesmo tempo, veranse involucrados na guerra que iniciou o rei
Xaime I para reconquistas as terras valencianas aos musulmáns.